Sunday 19 de May de 2024

Medio Ambiente axudará ao concello de Tordoia na construción dun centro sociocomunitario e ambiental en Pontepedra


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde de Tordoia, na que lle confirmou que o convenio rematou a sinatura dixital, polo que xa se pode iniciar a licitación das obras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará case 280.000 euros á construción dun centro sociocomunitario e ambiental no núcleo urbano de Pontepedra, en Tordoia, ao carón doutros servizos da localidade como son o centro escolar, o propio Concello, o centro de saúde e o centro deportivo. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde, Antonio Pereiro, que os trámites da firma electrónica deste convenio de colaboración xa están concluídos, polo que nas vindeiras semanas se poderán iniciar os trámites necesarios para licitar as obras deste novo equipamento.

O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie total duns 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso das veciñas e veciños. Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias.

Ángeles Vázquez subliñou que esta actuación execútase ao abeiro do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno da Xunta; consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

Asemade, este tipo de intervencións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia, e son unha mostra da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.

Ademais, a través da colaboración cos concellos para intervir sobre os equipamentos urbanos, tamén se axuda a frear o despoboamento do rural, xa que se potencian as infraestruturas, os servizos e as dotacións municipais e, en definitiva, se melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.